Melloría e efectos secundarios

Picture of Carlos Vila García

Carlos Vila García

As persoas somos mooooi complicadas. Existen tal cantidade de variables nas nosas vidas que moitas cousas escapan ao noso control, ben, realmente o “control absoluto” é unha quimera, tamén absoluta, e máis cando falamos das persoas e as súas relacións co mundo. 

Así pode ser que nos pareza que cando algo evoluciona correctamente cara un cambio a mellor, efectivamente ese cambio será visto como bo para calquera persoa achegada ao que mellora. Pero por diferentes circunstancias non sempre se cumpre isto, que nun principio parecería, a todas luces, evidente. 

O outro día repasaba uns apuntes que fixen sobre un curso que tiven o ano pasado e vin un exemplo claro de como a melloría de alguén pode repercutir “negativamente” nunha persoa achegada. As comiñas teñen a súa razón de ser, cando leades a historia imaxino que a maioría compartiredes comigo o por que das comiñas.

Os feitos foron os seguintes: unha muller madura con “fibromialxia e depresión” acudiu a un psicoterapeuta debido aos problemas e grandes inconvenientes que tiña na súa vida diaria debido á combinación deses dous diagnósticos. A muller estaba, segundo o seu relato, “peor ca nunca” ata ese momento. Non tiña traballo pero si unha pensión decente e aforros, e un dos seus fillos convivía con ela (trinta e pico anos tiña a criatura). Cando acudiu a terapia apenas saía da casa pola dor e polo baixo ánimo, que era case nulo para facer nada que non fose as cousas que se requirían para manter unha casa en marcha, e iso a duras penas (xa todos e todas sabedes: coladas de roupa, limpeza, comida, certa orde en xeral, papeleos varios cando se requirían…). A compra normalmente facíaa por teléfono ou internet e só baixaba para cousas puntuais á tenda do barrio. 

Despois de varias sesións a muller empezaba a estar algo mellor, saía algo máis, asistía ao centro sociocultural do barrio e retomara a relación con varias veciñas e veciños. Máis tarde empezou a ir a clases de pintura e descubriu que era bastante boa (ao seu parecer polo menos, que é o que importa, pois iso animábaa a seguir). Unha cousa levou á outra e tres meses e pico despois de empezar a terapia quedaba asiduamente cun grupo de veciños para facer algo de exercicio dando unhas camiñadas decentes e tomar algo polo barrio, xa non facía toda a compra por teléfono ou internet pois podía levar o carriño mediado sen demasiado esforzo nin dor, seguía coas súas clases de pintura e pintaba na casa nunha habitación que lle “requisara” ao fillo, xa que el só a usaba como “almacén” (e para iso mesmo podía usar o faiado). 

Pasados cerca de catro meses e con todos eses cambios en marcha e avanzando, un día o seu psicólogo ao saír do seu traballo atopou a un home que lle preguntou se el era Fulaniño de Tal, e se era psicólogo. Ante a afirmación do psicólogo ese home deuse a coñecer como o fillo da clienta “fibromiálxica/deprimida”, e cun cabreo próximo a 10 montoulle un cristo que nin dios dicíndolle “Devólveme á miña nai, cabrón, preferíaa deprimida!”, tamén lle dixo que esa muller coa que vivía agora xa non era a súa nai, e que a ver que se cría el facéndolle esas cousas á xente… INCOMPRENSIBLE pode parecer. Como alguén non se pode dar conta da enorme melloría desa muller comparado cuns meses atrás? 

O feito en realidade é que o fillo si se daba conta perfectamente da melloría, pero a el íalle mal a nova nai: estaba menos na casa, en moitas ocasións a cea tiña que facela el, tíñase que preocupar por facer el tamén algunha colada se quería ter a súa roupa preferida lavada cando quería poñela, parte da limpeza, compra… en fin, a vida costa arriba. 

Con este exemplo vese claramente que ás veces o que é bo para uns pode non selo para outros. Obviamente é un exemplo algo extremo, pero así resulta máis fácil ver o que pretendo mostrar. Está claro que ese “neno” de trinta e pico anos era un pouco capullo cando pretendía que a súa nai seguira afundida nese mundo para así poder ter el “asistenta 24 horas” e non facer nada na casa na que vivía. 

Pois si, como vedes pódese dar o caso de persoas que melloren un mundo con respecto aos problemas que tiñan, pero tamén pode haber a quen iso non lle guste. Habitualmente se as dúas persoas teñen verdadeira estima unha pola outra lévanse mellor as cousas, pois a pesar dos posibles cambios, convives con alguén cunha vida mellorada, e iso sempre debería traducirse en beneficio para ambos a fin de contas, e ademais, se queres a esa persoa dá igual o resto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *